Coa Eurocopa xa finalizada, a atención no mundo do fútbol volve ós clubs. E estando no verán, a atención céntrase no mercado.

Nas vindeiras semanas espéranse moitos movementos no mercado futbolístico. Os equipos queren ter pechado o plantel o antes posible, e mellor se é antes da pretemporada.

En Casa Celta tamén están traballando.

Tralas tentativas fallidas de Barkero, Pereira e Diego Castro están a buscar pezas para o club por outros sitios. Pero non só de fichar falamos, senón que tamén hai que ter en conta as saídas. Moitas provocadas posiblemente polo recorte salarial fixado nun tope de 400.000€. De feito, por este motivo pode abandonar Esteban a disciplina céltica. Non se sabe do destino do xogador, pero no Celta non poden asumir a súa ficha e queren chegar a un acordo para que se marche. A marcha do futbolista avilesino, peza fundamental na pasada tempada, abriríalle as portas ó xove porteiro vigués do Zamora, Dani Giménez. Tamén se especula con Notario, que non conta para Clemente no Murcia. O que parece claro é que Queco Piña é unha opción xa descartada. Así mesmo, parece que o Recreativo tenta facerse cos servizos de Lequi máis Canobbio. Ademais, Lequi ten ofertas de Rosario Central e River Plate. E o Atlético de Madrid ten interese no canteirán Roberto Lago.

Xa no apartado da rumoroloxía con pouco fundamento, atopamos dúas saídas: un, fálase da marcha de Oubiña ó Villarreal, no caso de que Senna marche do club amarillo (cousa moi improbable por moito interese que mostre a Juve polo hispano-brasileiro). E dous, George Lucas ó Benfica, debido a un suposto interese de Sánchez Flores por el. A marcha de Lucas abriríalle as portas do Celta a Cifu.

Falando das posibles altas que se dean nos seguintes días, temos a Natalio, que pode vir cedido do Almería a cambio de esquecer o “Caso Iriney”. Sería un bo reforzo para a banda esquerda. Tamén no mesmo sitio fálase de Nano, do Cádiz, fichaxe que a poucos lles gusta. Apenas xogou nesta tempada, o coruñés acabou coma suplente de Gustavo López. Sen saír desa banda, un xogador que gusta e está a soar moito por aquí, e parece que está cerca, é o zaragozano Capdevila, actualmente no Valladolid. Sen saír da Primeira División, rumoréase cunha fichaxe moi interesante: a posible incorporación de Jonathan Soriano á disciplina de Pepe Murcia. Este dianteiro catalán non conta no Espanyol, e se se chega a un acordo, no tema da ficha que percibirá o xogador de Vilomara, pode que recale en Vigo. Unha moi boa opción para reforzar o ataque, posición que no Celta están a traballar para cubrila axeitadamente.

Volvendo a zona defensiva, soan con forza o lateral esquerdo xerezano Jesús Mendoza, que está moi cerca de vir para Vigo e o mediocentro que pode actuar coma defensa, do Poli Ejido, Curro Vacas. Ademais disto, o mediocentro Fran Rico volve a gañar enteiros para fichar polo Celta, xa que parece que os únicos equipos que mostraron interese real por el, ademais do Celta, son: Rayo Vallecano e Real Madrid Castela. E o xogador, se só ten esas tres posibilidades (catro, contando a de quedarse en Pontevedra) parece que non viaxaría a Madrid. Veremos o que ocorre con esta promesa que xa vai polo camiño de converterse nun culebrón estival. Para o interior dereito, confíase en fichar a David Bauzá do Albacete.

Parece que este ano queren mover ficha rápido en Casa Celta. Esperemos que saia o asunto ben e que veñan reforzos interesantes e saídas proveitosas para acadar, así, un bo bloque.