Cando fai unha semana, e o tema da acollida do RC Celta de Vigo á Lei Concursal xa ía sendo un feito, moitos clubs comezaron a sopesar a idea de introducirse nun proceso concursal.
Para ben ou para mal, noso en particular e do fútbol nacional en xeral, xa estamos nesta lea. E moita xente advertía que se ía producir un auténtico boom de procesos concursais no fútbol español, sobretodo na liga de prata, na Segunda División.
Seguindo o exemplo de clubs coma o Málaga CF, Sporting de Gijón ou a UD Las Palmas, e posteriormente o RC Celta, moitos equipos ven aquí unha salvación para as súas débedas máis inmediatas. Aplaudidas por uns e rexeitadas por outros (sobretodo a AFE) a Lei Concursal está moda.
Hai equipos ós que lles foi ben, coma o caso dos asturianos. E outros os que parece que lles vai ir mal, antonte saía unha nova na que se falaba da pésima situación económica do Málaga e que lle podía acarrear moitos problemas, incluso unha perda de categoría.
O caso é que, coma dixen antes, esta lei está de moda.
Granada 74 quere acollerse á lei, o Alavés xa está metido nisto, o Elche pode perder a categoría por impago e tamén podería acollerse (o club aínda non dixo nada). O Xerez, o Albacete e o Salamanca non sería de estrañar que acabaran acolléndose á lei. O Zaragoza de non subir nesta tempada a primeira pode pasalas moi canutas, Iñaki Badiola (Real Sociedad) xa falou de que hai posibilidades de entrar no proceso de concurso. E iso que en marzo desmentira o asunto. E máis preto aínda: o Ourense é outro membro deste club no que acaba de entrar o Celta de Vigo.
E quen sabe quen máis poderá entrar, sobretodo ollando en cada tempada ós descensos de categoría, principalmente de Primeira a Segunda.
Sexa o que sexa, non imos estar sós nesta situación. Veremos que dá de si. E esperemos que sexa tan boa como nola tentan vender.
OFFTOPIC: Pepe Murcia dixo non ó Castellón, en breve espérase que faga oficial a súa fichaxe polo Celta, algo similar pasa co central Noguerol.